«Se souberas onde vives, e de canto te rodea, ben seguro que verías canto ves doutra maneira»

18 jun 2013

O número premiado da Noite da Moura

Por estes lares andamos a recuperarnos da troula do sábado da Noite da Moura.
Mentres elaboramos unha crónica xeitosa de todo o que pasou, deixámosvos o número premiado con 100€ ou un cabrito:

3.593

O propietario do número atopábase na eira e puido subir a recoller o premio:


5 mar 2013

O Entroido


Xa vai alá case un mes dende o sábado de Entroido en Rebordechán, pero a nós parécenos que non pasou case tempo porque seguimos a escachar coa risa cando recordamos o ben que o pasamos. E é que... en Rebordechán, a festa está garantida!

Comezamos ás cinco da tarde, xuntándonos no Pazo. Había dende magos a cabezudos, estrelas, vellas, bispos e mozas.


O primeiro foi baixar ao meco, que neste 2013, como ben podedes ver, era unha señorita moi elegante e ben feitiña. Miña pobre! Ela non sabía o que lle esperaba! Como responsable á que achacamos todos os problemas do ano pasado, despois de lerlle a sentencia, non lle quedaba outra que arder no lume.

 Máis tarde, continuaron a música, os chourizos, os sorrisos e as gargalladas, o viño con azucre, os bailes, a boa compañía, o tempo para compartir, as bromas,... A FESTA!




Tanto se estivestes como se non nesta, non podedes perdervos a seguinte!
En Rebordechán, sempre vos esperamos cos brazos abertos! Non vos esquezades...
VIVE (vivide) REBORDECHÁN!!!

21 ene 2013

A cea da Asociación e Cantar os Reis

 A verdade é que, en Rebordechán, o tempo pasa moi rápido. Sempre hai cousas que facer, sempre hai festas nas que pensar, días que preparar. E, neste tempo dende a anterior entrada, non ía ser menos: a Cea de Asociación e o Cantar os Reis chegaron moi rápido e fixéronnos disfrutar a moreas!

CEA DA ASOCIACIÓN

Coma sempre, como cada ano, a Cea da Asociación non defraudou.

En coches particulares ou en autobús fomos chegando á Arnoia. A mesa esperábanos xa posta, así que só nos quedou ben-comer e ben-beber! Como podedes ver nas imaxes, pasamos unha estupenda cea xuntos.


Rematada a paparota, a festa chegou da man do Castriño, que nos fixeron bailar e cantar a fartar!

CANTAR OS REIS

Chegamos ao 5 de xaneiro, día propio de Cantar os Reis, coas cancións ensaiadas e as gorxas preparadas para moito canto e... para moita comida e bebida!

Comezamos por Tixosa, onde nos recibiron a primeira hora con moitas enerxías, con café para todos e moitas ganas de xoldra.

Despois, seguimos por Parada, os ánimos non decaíron en absoluto! Tempo para panxoliñas, para os rexóns, para música, para risas, para bailes, para... festa!

E, coma sempre, como cada ano, a noite chegounos no Surreiro, no Tarendo, na Pousa, no Pazo, no Cotado e na Casola. O cansazo non se vía por ningures! Foron momentos para cantar a pleno pulmón, para bailar ao son do Castriño, tempos para o caldo e a sopa, para o viño, para a bica, ...



Agora xa andamos a pensar no Entroido. Anotade o 9 de febreiro na axenda... esperámosvos!