«Se souberas onde vives, e de canto te rodea, ben seguro que verías canto ves doutra maneira»

23 jul 2012

A romería do Castriño

 O mes de xuño é abundante en eventos sociais en Rebordechán. O último do mes é sempre O Castriño: a romería veciñal de Rebordechán; ese día onde nos xuntamos a falar, a rir, a pasalo ben, coa familia e cos veciños, arredor de mesas cheas de comida e ricos postres, licores e outros refrixerios.


Nas anteriores edicións, sempre tivemos bo tempo; pero este ano, parecía que a chuvia quería estar connosco. Aínda así, non nos desilusionamos; xa de boa mañá había xente carrexando mesas e cadeiras, manteis, e outros enseres nun continuo ir e vir. Co paso da mañá, foi chegando a pulpeira e a rosquilleira e moitos máis veciños que, pouco a pouco, comezamos a sentarnos arredor da nosa xente a gozar da xornada.

Houbo tempo para conversas, comidas e postres; houbo tempo para bailar, para rir moito, para recibir a catro "vellas" ben simpáticas; houbo tempo para tocar máis de catro e cinco pezas; para cantar o "Cumpreanos feliz"; para comer e para merendar; pero, sobre todo, houbo tempo para compartir.



2 jul 2012

Noite da Moura

A Noite da Moura, para Rebordechán, comezou moi cedo pola mañá, cando nos xuntamos en San Sebastián un bo número de veciños preparados para aportar o máximo posible no día final de montaxe e organización.

O día transcorreu entre montaxes do palco, do bar, do posto da Asociación Cultural e do da orella; entre viaxes arriba e baixo, transportando cousas; entre quilómetros colgando paneis indicadores; entre ramallo e ramallo, saco e saco, corda e corda;... O día transcorreu rápido e cando nos quixemos dar conta, todo estaba listo, á noitiña, na espera de que todos vos achegarades a gozar connosco desta noite especial. 

Escenario á noitiña
Como sabedes, a lenda da Noite da Moura conta que:

"En Rebordechán, cada ano no mes de San Xoán, as damas dos castros eran convocadas na Eira do Castro do Coruxón, polo feiticeiro, a quen lle facían as pregarias para os próximos doce meses. Coa súa xuntanza, chamaban á moura; quen, coa súa danza encantada provocaba que, a cabra obsequiara aos veciños de Rebordechán cun fillo, para que se mantivese a estirpe. Os habitantes agradecíanllo aos deuses tocando gaitas e tambores, comendo carne de porco e bebendo viño baixo o orballo ata o raiar do novo día, para ver bailar o sol cunha cunca de caldo na man".

E este ano, non foi diferente. Conseguimos volver ver as damas, o feiticeiro, a moura e a cabra, que se xuntan en tan ancestral rito, arredor dun pequeno lume.

Danza da Moura
Despois, festexámolo con orella, caldo e viño; festexámolo con moita música, moitos grupos, moitos sorrisos, moito baile e moita xente. O tempo permitiunos gozar dunha noite máxica...

Festa rachada

Dende aquí, xa para rematar, queremos pedir disculpas polos posibles erros que se puideran dar; e agradecer a presencia de todos os que nos acompañaron este 16 de xuño.

Esperámosvos o próximo ano, na 5ª Noite da Moura!