Rebordechán, aldea de soños
Rebordechán é unha aldea de soños, enclavada ao pé do Miño, pertencente á provincia de Pontevedra e case raiana con Ourense e Portugal.
Conta cunha tradición agrícola e gandeira destacada, xa que, como se os soños se materializaran dende o comezo dos tempos, aquí temos climatoloxía axeitada para producir os mellores viños do Condado, os máis preciados productos de horta ou carne de excelente calidade.
A vida cultural de Rebordechán destaca dende o inicio. Posiblemente, non sexa arriscado dicir que, polo Camiño Real que atravesa o fondo da nosa aldea, parello ao Miño, levaron a noticia cara a “Corte”, do descubrimento das Américas e pasaron os carros cargados co tesouro de Rande.
Deste xeito, os habitantes destas terras, seguro que dende o comezo dos tempos, dende o cima dos nosos catro castros e contemplando a paisaxe, soñaron e foron felices.
Así, no século pasado, alá polo 1907, un crego que aquí tivemos, soñou e formou unha banda de música; soño que durou, con grande resonancia en Galicia, máis de sesenta anos.
Ao igual que este, dende os inicios, moitos soños foron soñados e moitos soños se foron convertendo en realidade.
Nos últimos tempos, no recente ano 2002, promovido por un grupo de mozos e apoiado polos non tan mozos; soñamos en promover unha asociación cultural, coa que recuperar festas tradicionais, crear outras acaídas aos tempos de hoxe e facer nacer un grupo de música, que conectara coas raíces deixadas pola “nosa Banda”. E, sen dúbida, conseguímolo.
Hoxe, temos consolidadas xa, con case dez anos, a recuperación das festas do Entroido, Magosto e Cantar os Reis; e creamos a Festa dos Cativos, o Xantar do Castriño e a Noite da Moura, que xungue o pasado castrexo coas festas gastronómicas. Ademais, formamos o grupo de gaitas O Castriño, no 2007, para continuar os soños do século pasado cun aire de modernidade.
Dende aquí, invitámoste a que formes parte do noso mundo, que comeces a soñar con nós.
No hay comentarios:
Los comentarios nuevos no están permitidos.