«Se souberas onde vives, e de canto te rodea, ben seguro que verías canto ves doutra maneira»

21 ene 2013

A cea da Asociación e Cantar os Reis

 A verdade é que, en Rebordechán, o tempo pasa moi rápido. Sempre hai cousas que facer, sempre hai festas nas que pensar, días que preparar. E, neste tempo dende a anterior entrada, non ía ser menos: a Cea de Asociación e o Cantar os Reis chegaron moi rápido e fixéronnos disfrutar a moreas!

CEA DA ASOCIACIÓN

Coma sempre, como cada ano, a Cea da Asociación non defraudou.

En coches particulares ou en autobús fomos chegando á Arnoia. A mesa esperábanos xa posta, así que só nos quedou ben-comer e ben-beber! Como podedes ver nas imaxes, pasamos unha estupenda cea xuntos.


Rematada a paparota, a festa chegou da man do Castriño, que nos fixeron bailar e cantar a fartar!

CANTAR OS REIS

Chegamos ao 5 de xaneiro, día propio de Cantar os Reis, coas cancións ensaiadas e as gorxas preparadas para moito canto e... para moita comida e bebida!

Comezamos por Tixosa, onde nos recibiron a primeira hora con moitas enerxías, con café para todos e moitas ganas de xoldra.

Despois, seguimos por Parada, os ánimos non decaíron en absoluto! Tempo para panxoliñas, para os rexóns, para música, para risas, para bailes, para... festa!

E, coma sempre, como cada ano, a noite chegounos no Surreiro, no Tarendo, na Pousa, no Pazo, no Cotado e na Casola. O cansazo non se vía por ningures! Foron momentos para cantar a pleno pulmón, para bailar ao son do Castriño, tempos para o caldo e a sopa, para o viño, para a bica, ...



Agora xa andamos a pensar no Entroido. Anotade o 9 de febreiro na axenda... esperámosvos!