En Rebordechán, xa hai días que, cando saes fóra, cheiran as acacias, un símbolo
inequívoco de que chegou a Cuaresma e de que os días de Entroido, remataron.
O Entroido, aquí, coma sempre quedou curto pero foi moi intenso.
Comezamos o sábado 11 pola tarde, coa feitura dos mecos. Herba
seca, roupa vella e un pouco de inxenio foron os ingredientes para unha parella
ben simpática; que tiña como destino a queima o seguinte sábado e que, na
espera, estivo colgada durante a semana no Pazo.
O sábado 18, amencimos cos preparativos: había que ir buscar
o pan e o roscón, os chourizos e o touciño; preparar o equipo de música e
darlle os últimos retoques ao disfrace.
Pola tarde, a xuntanza xa comezou ben interesante. A partir
das 4 comezaron a chegar das máis extrañas persoaxes: piratas, tunos, a señora
que facía o pino, hippies, Misses, durmilóns, vellas e vellos, curas… había de
todo!
Cando lle chegou a hora á parella, fomos buscala entre todos
para darlle final.
E, coas laparadas do lume que os consumía, aínda presentes,
empezamos a preparar a merenda. Un sinfín de bocadillos de touciño e chourizo
desfilaron diante nosa; tiñamos viño con azucre para regar as gorxas; e, a
cousa foise animando. A música non faltou, nunca falta: O Castriño regalounos
unha chea de boas pezas para bailar.
E así, aos poucos, foi chegando a noitiña, entre música,
comida, sorrisos e veciños. Agora, neste comezo de Cuaresma, xa lavamos e
empaquetamos os traxes, para gardar ata o ano seguinte. E xa comezamos a
preparar a seguinte festa, as seguintes xuntanzas do ano.
Esperámosvos!