«Se souberas onde vives, e de canto te rodea, ben seguro que verías canto ves doutra maneira»

27 feb 2012

O Entroido


En Rebordechán, xa hai días que, cando saes fóra, cheiran as acacias, un símbolo inequívoco de que chegou a Cuaresma e de que os días de Entroido, remataron.

O Entroido, aquí, coma sempre quedou curto pero foi moi intenso.


Comezamos o sábado 11 pola tarde, coa feitura dos mecos. Herba seca, roupa vella e un pouco de inxenio foron os ingredientes para unha parella ben simpática; que tiña como destino a queima o seguinte sábado e que, na espera, estivo colgada durante a semana no Pazo.

 

O sábado 18, amencimos cos preparativos: había que ir buscar o pan e o roscón, os chourizos e o touciño; preparar o equipo de música e darlle os últimos retoques ao disfrace.

Pola tarde, a xuntanza xa comezou ben interesante. A partir das 4 comezaron a chegar das máis extrañas persoaxes: piratas, tunos, a señora que facía o pino, hippies, Misses, durmilóns, vellas e vellos, curas… había de todo!


Cando lle chegou a hora á parella, fomos buscala entre todos para darlle final.

E, coas laparadas do lume que os consumía, aínda presentes, empezamos a preparar a merenda. Un sinfín de bocadillos de touciño e chourizo desfilaron diante nosa; tiñamos viño con azucre para regar as gorxas; e, a cousa foise animando. A música non faltou, nunca falta: O Castriño regalounos unha chea de boas pezas para bailar.


E así, aos poucos, foi chegando a noitiña, entre música, comida, sorrisos e veciños. Agora, neste comezo de Cuaresma, xa lavamos e empaquetamos os traxes, para gardar ata o ano seguinte. E xa comezamos a preparar a seguinte festa, as seguintes xuntanzas do ano.

Esperámosvos!
 ¡¡¡VIVE REBORDECHÁN!!!

No hay comentarios:

Publicar un comentario