A Noite da Moura, para Rebordechán, comezou moi cedo pola mañá, cando nos xuntamos en San Sebastián un bo número de veciños preparados para aportar o máximo posible no día final de montaxe e organización.
O día transcorreu entre montaxes do palco, do bar, do posto da Asociación Cultural e do da orella; entre viaxes arriba e baixo, transportando cousas; entre quilómetros colgando paneis indicadores; entre ramallo e ramallo, saco e saco, corda e corda;... O día transcorreu rápido e cando nos quixemos dar conta, todo estaba listo, á noitiña, na espera de que todos vos achegarades a gozar connosco desta noite especial.
|
Escenario á noitiña |
Como sabedes, a lenda da Noite da Moura conta que:
"En Rebordechán, cada ano no mes de San Xoán, as damas dos castros eran convocadas na Eira do Castro do Coruxón, polo feiticeiro, a quen lle facían as pregarias para os próximos doce meses. Coa súa xuntanza, chamaban á moura; quen, coa súa danza encantada provocaba que, a cabra obsequiara aos veciños de Rebordechán cun fillo, para que se mantivese a estirpe. Os habitantes agradecíanllo aos deuses tocando gaitas e tambores, comendo carne de porco e bebendo viño baixo o orballo ata o raiar do novo día, para ver bailar o sol cunha cunca de caldo na man".
E este ano, non foi diferente. Conseguimos volver ver as damas, o feiticeiro, a moura e a cabra, que se xuntan en tan ancestral rito, arredor dun pequeno lume.
|
Danza da Moura |
Despois, festexámolo con orella, caldo e viño; festexámolo con moita música, moitos grupos, moitos sorrisos, moito baile e moita xente. O tempo permitiunos gozar dunha noite máxica...
|
Festa rachada |
Dende aquí, xa para rematar, queremos pedir disculpas polos posibles erros que se puideran dar; e agradecer a presencia de todos os que nos acompañaron este 16 de xuño.
Esperámosvos o próximo ano, na 5ª Noite da Moura!