A Rebordechán, sen darnos conta, na volta dunha man, xa chegou o outono: comezaron a caer as follas, comezou a refrescar, abriuse a tempada de cocido e castañas e a da cociña de leña.
A nós pasáronnos moi rápido estes tres meses. E é que, coma sempre, imos de festa en festa: primeiro a Festa de Agosto, despois a Festa dos Cativos e finalmente, o Magosto.
FESTAS DE AGOSTO
As Festas de Agosto, a fin de semana do 17, 18 e 19, reuníronnos arredor da familia e dos amigos coma cada ano. Comezamos o venres pola tarde, co percorrido da charanga Colores polas nosas rúas e seguimos coa queimada e a festa no Pazo, pola noite.
Charanga no Pazo |
Queimada do venres |
O sábado erguémonos cedo para continuar coa festa. Primeiro foi a misa en San Sebastián, co concerto da Banda; despois a tirada de fogos e, xa pola noite, chegou a hora de bailar coas orquestras Satélites e Televisión.
Misa en San Sebastián |
Os fogos do sábado |
Festa do sábado |
E xa o domingo, despois de dous días de festa, levantámonos para ir á misa á Igrexa, á procesión e ao concerto da Banda.
Misa do domingo |
Foi unha fin de semana estupenda, onde aproveitamos para vernos e divertirnos tanto cos veciños como con todos os que nos viñestes visitar.
Quedamos para o 2013!
FESTA DOS CATIVOS
Como xa é tradición en Rebordechán, o sábado seguinte á Festa de Agosto, xuntámonos para celebrar esa festa adicada aos nenos de 0 a 100 anos que queren vir a gozar dunha tarde de xogos e risas. Este 25 de agosto foi estupendo!
Os preparativos comezaron a primeira hora da tarde: adicámonos a encher e colocar globos, a colgar mazás, a buscar os sacos, a pór as botellas, as cordas, os aros e todas esas cousas que fan unha tarde estupenda.
Preparativos para a batalla cos globos de auga |
Máis tarde, comezaron a chegar os nenos, comezou a encherse todo, empezaron a escoitarse as risas divertidas, as pelexas polo mellor sitio, os berros, e todas esas cousas que amosan vida!
O xogo das botellas e os aros |
Xogando ás sillas |
Os globos! |
Finalmente, despois de moitos xogos e moitas carreiras, repartimos os regalos para os máis pequenos e sentámonos a recuperar forzas cun chocolate quentiño e un anaco de roscón ou bica.
Queremos vervos para o ano outra vez!
O MAGOSTO
Coa chegada do frío e da chuvia, comezamos a pensar no magosto.
En Rebordechán, celebrámolo o 27 de outubro. Foi unha tarde de vento e frío, que non nos impediu disfrutar do noso Magosto. Houbo castañas e viño, orella a fartar, bica, bocadillos de touciño e, sobretodo, como podedes ver nas imaxes, houbo moita festa!
No hay comentarios:
Publicar un comentario