«Se souberas onde vives, e de canto te rodea, ben seguro que verías canto ves doutra maneira»

12 nov 2012

De agosto a novembro en tres festas

A Rebordechán, sen darnos conta, na volta dunha man, xa chegou o outono: comezaron a caer as follas, comezou a refrescar, abriuse a tempada de cocido e castañas e a da cociña de leña.
A nós pasáronnos moi rápido estes tres meses. E é que, coma sempre, imos de festa en festa: primeiro a Festa de Agosto, despois a Festa dos Cativos e finalmente, o Magosto.

FESTAS DE AGOSTO

As Festas de Agosto, a fin de semana do 17, 18 e 19, reuníronnos arredor da familia e dos amigos coma cada ano. Comezamos o venres pola tarde, co percorrido da charanga Colores polas nosas rúas e seguimos coa queimada e a festa no Pazo, pola noite.

Charanga no Pazo

Queimada do venres
O sábado erguémonos cedo para continuar coa festa. Primeiro foi a misa en San Sebastián, co concerto da Banda; despois a tirada de fogos e, xa pola noite, chegou a hora de bailar coas orquestras Satélites e Televisión. 

Misa en San Sebastián
Os fogos do sábado

Festa do sábado
E xa o domingo, despois de dous días de festa, levantámonos para ir á misa á Igrexa, á procesión e ao concerto da Banda.
Misa do domingo
 Foi unha fin de semana estupenda, onde aproveitamos para vernos e divertirnos tanto cos veciños como con todos os que nos viñestes visitar.

Quedamos para o 2013!

FESTA DOS CATIVOS

Como xa é tradición en Rebordechán, o sábado seguinte á Festa de Agosto, xuntámonos para celebrar esa festa adicada aos nenos de 0 a 100 anos que queren vir a gozar dunha tarde de xogos e risas. Este 25 de agosto foi estupendo!

Os preparativos comezaron a primeira hora da tarde: adicámonos a encher e colocar globos, a colgar mazás, a buscar os sacos, a pór as botellas, as cordas, os aros e todas esas cousas que fan unha tarde estupenda.

Preparativos para a batalla cos globos de auga

 Máis tarde, comezaron a chegar os nenos, comezou a encherse todo, empezaron a escoitarse as risas divertidas, as pelexas polo mellor sitio, os berros, e todas esas cousas que amosan vida!

O xogo das botellas e os aros

Xogando ás sillas

Os globos!

Finalmente, despois de moitos xogos e moitas carreiras, repartimos os regalos para os máis pequenos e sentámonos a recuperar forzas cun chocolate quentiño e un anaco de roscón ou bica.

Queremos vervos para o ano outra vez!

O MAGOSTO

Coa chegada do frío e da chuvia, comezamos a pensar no magosto.

En Rebordechán, celebrámolo o 27 de outubro. Foi unha tarde de vento e frío, que non nos impediu disfrutar do noso Magosto. Houbo castañas e viño, orella a fartar, bica, bocadillos de touciño e, sobretodo, como podedes ver nas imaxes, houbo moita festa!

Castañas, orella e viño

Reparto de orella
Festa!
O Castriño amenizando a Festa

Non queremos rematar sen agradecer a todos os que viñestes a pasalo ben con nós en todas estas festas e emprazarvos, a vós e a todos os demáis, a que vos pasedes cando queirades... Seredes moi ben recibidos!

23 jul 2012

A romería do Castriño

 O mes de xuño é abundante en eventos sociais en Rebordechán. O último do mes é sempre O Castriño: a romería veciñal de Rebordechán; ese día onde nos xuntamos a falar, a rir, a pasalo ben, coa familia e cos veciños, arredor de mesas cheas de comida e ricos postres, licores e outros refrixerios.


Nas anteriores edicións, sempre tivemos bo tempo; pero este ano, parecía que a chuvia quería estar connosco. Aínda así, non nos desilusionamos; xa de boa mañá había xente carrexando mesas e cadeiras, manteis, e outros enseres nun continuo ir e vir. Co paso da mañá, foi chegando a pulpeira e a rosquilleira e moitos máis veciños que, pouco a pouco, comezamos a sentarnos arredor da nosa xente a gozar da xornada.

Houbo tempo para conversas, comidas e postres; houbo tempo para bailar, para rir moito, para recibir a catro "vellas" ben simpáticas; houbo tempo para tocar máis de catro e cinco pezas; para cantar o "Cumpreanos feliz"; para comer e para merendar; pero, sobre todo, houbo tempo para compartir.



2 jul 2012

Noite da Moura

A Noite da Moura, para Rebordechán, comezou moi cedo pola mañá, cando nos xuntamos en San Sebastián un bo número de veciños preparados para aportar o máximo posible no día final de montaxe e organización.

O día transcorreu entre montaxes do palco, do bar, do posto da Asociación Cultural e do da orella; entre viaxes arriba e baixo, transportando cousas; entre quilómetros colgando paneis indicadores; entre ramallo e ramallo, saco e saco, corda e corda;... O día transcorreu rápido e cando nos quixemos dar conta, todo estaba listo, á noitiña, na espera de que todos vos achegarades a gozar connosco desta noite especial. 

Escenario á noitiña
Como sabedes, a lenda da Noite da Moura conta que:

"En Rebordechán, cada ano no mes de San Xoán, as damas dos castros eran convocadas na Eira do Castro do Coruxón, polo feiticeiro, a quen lle facían as pregarias para os próximos doce meses. Coa súa xuntanza, chamaban á moura; quen, coa súa danza encantada provocaba que, a cabra obsequiara aos veciños de Rebordechán cun fillo, para que se mantivese a estirpe. Os habitantes agradecíanllo aos deuses tocando gaitas e tambores, comendo carne de porco e bebendo viño baixo o orballo ata o raiar do novo día, para ver bailar o sol cunha cunca de caldo na man".

E este ano, non foi diferente. Conseguimos volver ver as damas, o feiticeiro, a moura e a cabra, que se xuntan en tan ancestral rito, arredor dun pequeno lume.

Danza da Moura
Despois, festexámolo con orella, caldo e viño; festexámolo con moita música, moitos grupos, moitos sorrisos, moito baile e moita xente. O tempo permitiunos gozar dunha noite máxica...

Festa rachada

Dende aquí, xa para rematar, queremos pedir disculpas polos posibles erros que se puideran dar; e agradecer a presencia de todos os que nos acompañaron este 16 de xuño.

Esperámosvos o próximo ano, na 5ª Noite da Moura!

18 jun 2012

30 may 2012

Noite da Moura

A Noite da Moura do 2012 achégase! Esperámosvos a todos o 16 de xuño!
Para ir abrindo boca, aquí tendes o vídeo do 2011.

http://www.youtube.com/watch?v=AcRfCALDU_0&feature=player_detailpage

23 may 2012

A excursión 2012

Xa ben cedo, o autobús esperábanos para pór rumbo a terras luguesas. Despois de varias horas de autobús, algunha parada, moitos sorrisos, algunha dor de cú; chegamos á primeira parada importante: O Cebreiro.

Un paseo, estirar as pernas, unha tapa e, sobretodo, algunhas pezas que nos fixeron espertar (a nós e aos turistas que decidiron a participar da nosa festa).


A seguinte parada xa foi en terras leonesas, o concello de Balboa esperábanos para darnos moita información local en "La Casa de las Gentes" e, despois, ofrecernos moita e boa comida na súa estupenda Palloza. A cambio, seguimos repartindo sons de O Castriño en calquera sitio, con calquera oportunidade.


Xa coa barriga chega, puxemos rumbo a Lugo. Un pouco de turismo antes de volver á casiña, xa de noite, moi contentos e desexando que chegue a próxima.

21 may 2012

As novas tecnoloxías chegan a Rebordechán

As novas tecnoloxías chegan as aldeas e con forza. No caso da parroquia de Rebordechán a cousa empezou co perfil en facebook da agrupación musical O Castriño, seguido tempo despois deste blogue e a nova páxina web que está o caer.  Pouco a pouco os veciños/as fóronse sumando a internet, o facebook e as novas tecnoloxías e claro... tanta novidade fai que o día a día e as costumes da terra vaian cambiando e se non o creedes mirade as seguintes imaxes:






Nota do administrador: Calquera parecido dos personaxes con algún veciño/a de Rebordechán e mera coincidencia.

Fonte: O bichero